www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 21 de Abril de 2019

Os Orzamentos do Estado contemplan partidas para o AVE pero relegan as alternativas a AP-9
Institucional • 1/10/2010
Autor: Ana Prieto

O goberno central presentou as partidas para o próximo ano. Na nosa comarca contémplanse fondos para completar o túnel entre o Val do Maceiras e Vigo e a nova estación do AVE. Tamén se recolle unha partida para a ampliación de Peinador. Pero as autovías A-57 (Pontevedra-Confurco) e A-59 (Vilaboa-Peinador) quedan sen data.


Os Orzamentos Xerais do Estado, presentados onte polo Goberno, fixan xa as prioridades para a Area Metropolitana de Vigo. O Ministerio de Fomento garante, coas partidas xa oficiais, o gasto para as obras anunciadas no aeroporto de Peinador e para a conexión do AVE entre Redondela e Vigo, así como a nova estación. Estas son as prioridades do Ministerio de Fomento, xunto coa ampliación da AP-9. Por outra banda o executivo de Zapatero deixa aparcadas as alternativa a Rande polo interior. Para a ampliación da autoestrada o departamento que dirixe José Blanco consigna unha partida de 40.000 euros, que estará destinada aos traballos de supervisión das obras de ampliación da ponte, a cuxo financiamento se dedicarán 70 millóns o próximo ano. Unha cantidade que non sairá das arcas do ministerio senón da concesionaria Itínere, como aclarou o ministro. Pero o departamento deixa sen data a autovía alternativa a Rande. Tanto a A-57 desde Pontevedra ao alto do Confurco como a A-59, desde Vilaboa até Peinador. Cada un dos tramos destas dúas autovías recibirá 134.100 euros, que só servirán para concluír a redacción dos proxectos. Nada se recolle da súa programación plurianual, polo que non existe compromiso de iniciar as obras. Estas quedan por agora sen data.


AVE Redondela-Vigo


O orzamento de Fomento inclúe as partidas para completar a obra do túnel entre o Val do Maceiras e Vigo, incluídas nas cantidades xenéricas destinadas ao Eixo Atlántico de Alta Velocidade, que ascenden a uns 200 millóns de euros. Tamén conta con orzamento a nova estación de Vigo, a través da empresa pública Adif, que comezará o próximo ano, cunha asignación de 9,6 millóns, que se verá incrementada en 2012 con outros 13,2 millóns máis.


Aeroporto de Peinador


A outra aposta firme do Ministerio de Fomento é o aeroporto de Peinador, para o que se garanten tamén as obras xa anunciadas. A maior partida será para o novo aparcadoiro, con máis de 15 millóns, que deberá concluír o próximo ano. Tamén se inclúe o financiamento para o novo edificio da terminal, cuxa primeira pedra se colocará o próximo día 11 de outubro. Catro millóns de euros en 2011 e outros 18 millóns ao seguinte ano asegurarán que a obra estea finalizada en 2013.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: