www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 24 de Abril de 2019

San Estevo de Negros prepara a XV Festa da Mazán con 2.500 quilos de froita
Sociedade • 30/09/2010
Autor: Ana Prieto

Con quince anos de historia Negros celebra unha das festas gastronómicas que xa son tradicionais na comarca. Uns 2.500 quilos de froita das maceiras da parroquia servirán para que os visitantes degusten sidra e augardente artesanal, e tamén pratos de bacallau, empanada e carne elaborados con mazán. A cita é o domingo a partires das 11.30 horas.


San Estevo de Negros segue fiel á tradición de homenaxear cunha festa gastronómica ás mulleres da parroquia que nos anos da posguerra recollían mazáns para vendelas en Vigo "e levar algo de comer ós seus fillos". Agora, despois de quince anos, esta festa gastronómica é xa un referente na comarca, que cada ano atrae a máis xente e que ofrece unha ampla variedade de pratos elaborados con mazá, como bacallau, chourizos e costela, ademais de sobremesas, sidras e augardentes. Este ano recolléronse 2.500 quilos desta froita, "doada polos veciños", para a exaltación gastronómica que se celebra o domingo, tal como explica Jose Antonio Crespo, presidente da Comisión de Festas.


As actividades comezarán ás 11.30 horas coa apertura das casetas de degustación. A esa mesma hora inaugurarase unha Exposición de Coches Antigos, e actuará o grupo Asubíos, de Porto Cedeira. A lectura do pregón, ás 12.00 horas, correrá a cargo do actor Miro Magariños, que interpreta o personaxe de Elías na serie "Libro de Familia", da TVG. Xa pola tarde, desde as 17.00, haberá actuacións co Grupo de Baile de Salsa do Centro Cultural de Cesantes, e a partires das 19.00 horas amenizarán a festa o grupo D'Diseño e o picadiscos Alberto.


DVD conmemorativo


Este ano a Comisión de Festas elaborou un DVD no que se recollen gravacións "dos mellores momentos" da Festa da Mazá desde o ano 2001. Véndese ó prezo de 3 € e pretende servir "como un fermoso recordo" para os veciños e visitantes.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: