www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 15 de Agosto de 2020

A Alameda acolle unha emotiva homenaxe ás vítimas da Covid-19
Institucional • 17/07/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O acto arrancou coa proxección dun documental realizado pola Cooperativa Cal3 e Meta Creación Audiovisual no que se recollen testemuñas dalgúns dos veciños de Redondela que tiveron que loitar contra enfermidade ou que perderon algún familiar polo coronavirus. A continuación o acto institucional centrouse nos distintos servizos que no confinamento traballaron para garantir a seguridade da veciñanza, a quen o Concello  entregou un pequeno detalle en recoñecemento pola súa entrega nos momentos máis duros da pandemia.


O acto homenaxe contou coa presenza de veciños e veciñas que se achegaron a Alameda Castelao, lugar no que as cadeiras gardaban as distancias de seguridade e todo o público portaba a correspondente máscara.


Medidas que foron moi repetidas polos protagonistas do documental co que se iniciou a homenaxe e no que se escoitaron as duras testemuñas de persoas que durante semanas tiveron que loitar contra a enfermidade "nunha habitación de hospital e completamente illados das súas familias". Persoas que aínda hoxe arrastran as secuelas da enfermidade e continúan traballando na súa recuperación. Pero tamén testemuñas de profesionais da sanidade, o médico do Centro de Saúde de Redondela, José Emilio Santiago e a enfermeira Montserrat Chao, quen reflexionaban sobre o acontecido nesas semanas nos servizos sanitarios e alertaban do perigo de que a situación se repita se a poboación se relaxa.


"Un documental que busca poñerlle cara a todas esas persoas que tan mal o pasaron e que ese relato serva para sensibilizar a poboación para que segan respectando as medidas coas que contamos para evitar que o virus se propague mentres non teñamos unha vacina". Así o explicaba a alcaldesa Digna Rivas que agradecía o traballo realizado por todas as persoas que estiveron traballando durante estes meses para garantir a seguridade da veciñanza e atender as súas necesidades. Policía Local, Policía Nacional, o Servizo de Emerxencias ou os voluntarios de protección Civil " que en todo momento se puxeron a nosa disposición para colaborar co concello levando alimentos, medicamentos ou tarefas escolares a aqueles veciños que o necesitaban".


Tamén un recoñecemento a diferentes asociacións como Cáritas, Cruz Vermella ou a Asociación Contra o Cancro que colaboraron e colaboran coa poboación que máis o precisa e agradecementos, en xeral, a toda a cidadanía. "A toda a veciñanza de Redondela polo voso comportamento e polo bo facer de todos e todas durante o confinamento, e para que sigamos botando man das únicas ferramentas que temos a día de hoxe para que a situación non se repita", concluía Digna Rivas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: