www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 12 de Agosto de 2020

Olga Rodríguez Puga (PSOE): "O noso obxectivo era que non gobernara o PP e non o conseguimos"
Política • 14/07/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Candidata pola provincia de Pontevedra, o primeiro que fai esta veciña de Redondela é felicitar ao BNG "polos seus bos resultados" para engadir que o PSOE "malia ter un bo candidato e boas propostas, non obtivo en ningún caso o resultado esperado, precisamente porque non soubo trasladar esas ideas aos votantes algo que si soubo facer o Bloque". A quen non felicita é ao PP porque entende que "Galicia non se merece un goberno de recortes, como é o que lidera Feijoo".


Sobre o futuro do PSdeG e nomeadamente do seu candidato Gonzalo Caballero, entende que debe seguir ao fronte e volver intentalo nas próximas elección "porque é o mellor candidato que pode ter o socialismo galego" e porque pensa que igual lle pasou factura non ser o suficientemente coñecido entre a cidadanía.


Recoñece eivas na campaña "por algún motivo non chegou a todos, principalmente a mocidade" e non cre que haxa que responsabilizar ao goberno de Pedro Sánchez "que fixo unha moi boa xestión da pandemia, sobre todo no ámbito social e aplicando medidas económicas para favorecer aos que máis o necesitaban".


Sobre a situación en Redondela, localidade na que o PSOE logrou incluso apañar 389 votos máis respecto dos comicios de 2016, entende que responde a que a nosa localidade  "sempre foi de esquerdas" para engadir que o goberno local malia ter que "gobernar nunha crise sen precedentes e sen axuda da Xunta foi quen de tirar cara adiante, polo que eses votos son tamén un recoñecemento a ese traballo".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: