www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 10 de Agosto de 2020

O centro da vila pecharase ao tráfico nas fins de semana a partir das oito da tarde
Institucional • 10/07/2020
Autor: M. X. Queimaliños

A peonalización gaña peso en Redondela logo da decisión do goberno local de pechar o tráfico na rúa Alfonso XII os sábados e domingos entre as 20:00 e as 24:00 horas. Unha medida que busca o dobre obxectivo de proporcionar maior espazo á cidadanía á hora de pasear e, ao mesmo tempo, que poidan manter a distancia interpersoal que recomendan as autoridades sanitarias por mor do Covid-19. Do mesmo xeito, peonalizarase ese treito cando se celebren eventos que, por ter unha maior afluencia de público, aconsellen adoptar dita medida para poder manter o espazo de seguridade.


O executivo que preside Digna Rivas, sinalou que o horario para a peonalización puntual elixiuse á hora "en que comeza a diminuír a calor e no que se rexistra o maior número de persoas na rúa".


A decisión de peonalizar o centro da vila arrancara no pasado mes de maior co inicio da desescalada e a apertura do pequeno comercio e locais de hostalaría. Co obxecto de intentar reducir o risco de contaxio, dende o concello decidiran dar máis espazo aos peóns eliminando o tráfico nas rúas que atravesan o casco urbano.


Aseguran que a medida tivo moi boa acollida entre hostaleiros e veciñanza en xeral, polo que deciden mantela de cara os vindeiros meses. Iso si, teñen previsto dende o Goberno local realizar unha enquisa "de cara a pulsar a opinión veciñal á hora de poñer en marcha esta medida nas fines de semana a partir de setembro". En todo caso, explica a alcaldesa de Redondela, "o horario variaría xa que no outono e inverno, é impensable saír a pasear no actual horario, expresamente pensado para a época estival".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: