www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 15 de Agosto de 2020

Unha queima descontrolada en Quintela mobiliza aos servizos de emerxencias
Sucesos • 6/07/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O lume produciuse nunha finca a tan só 50 metros dunha vivenda na madrugada do domingo. Xa foi identificado o responsable, un veciño que realizou unha tala e posterior queima que non tería quedado ben apagada e que se reactivou durante a noite. Dende a Policía Local lembran que estamos en período de alto risco de incendio e que dende o pasado 1 de xullo están completamente prohibidas as queimas agrícolas e forestais.


O suceso producíase na madrugada do domingo cando o 112 alertaba á Policía Local dun lume nas inmediacións de varias vivendas en Quintela. Ata o lugar desprazáronse varias patrullas da Policía Local e Nacional así como os servizos de extinción da Xunta e os bombeiros do Porriño, que procederon a sufocar o lume.


O responsable do incendio tería sido identificado tras comprobarse que na finca onde se iniciou o lume se realizara unha corta de árbores durante a tarde.


Todo quedou nun susto, pero as consecuencias poderían ter sido fatais ao estarmos en período de alto risco de incendios, polas altas temperaturas, o vento, a seca e a gran cantidade de vexetación acumulada nos montes. De feito as queimas están prohibidas dende o pasado 1 de xullo. Dende a Policía piden que se extremen as precaucións e que ante calquera incidencia ou sospeita se poñan en contacto cos números 986402610, 091, 112 ou ben 085.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: