www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 15 de Agosto de 2020

Redondela e comarca recuperan máis de trescentos empregos en xuño
Institucional • 6/07/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O estado de alarma e a hibernación na economía supuxo un duro golpe para o emprego e o parón notouse principalmente nas listas do paro, cun incremento notable de altas. Superada a fase máis dura do confinamento o mes de maio xa deixou ver algunhas notas de esperanza que xuño confirmou cunha caída xeneralizada do desemprego na nosa comarca. Redondela, Soutomaior, Pazos e Fornelos ven reducido notablemente o número de parados coa creación de 338 novos contratos respecto ao mes anterior.


O concello de Redondela lidera en datos absolutos esta creación de emprego, con 210 novos contratos que deixa en 1.784 persoas as inscritas na lista do paro. No caso de Soutomaior son 645 as persoas desempregadas, 84 menos que en maio. Tamén descenso en Pazos de Borbén e Fornelos de Montes, no primeiro caso con 267 desempregados (24 menos) e 149 en Fornelos (20 menos).


Un bo dato polo tanto o que nos deixa o mes de xuño na nosa bisbarra que vén mellorar a creación de emprego que tamén se constatara en maio, logo de dous meses nefastos -o de marzo e abril- cando o parón provocado polo coronavirus supuxo o despedimentos de moitos traballadores da nosa contorna.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: