www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 15 de Agosto de 2020

O concello de Redondela acolle a súa primeira voda postcovid
Sociedade • 3/07/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Cristina e Francisco realizaron unha pequena cerimonia no interior do consistorio, un acto sinxelo que tiñan previsto celebrar xunto con outros 160 convidados na xornada de mañá, celebración que decidiron pospoñer ao ano que vén ante a incerteza sobre a posibilidade ou non de poder realizar un convite e unha festa tal e como tiñan organizado.


A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, oficiou hoxe a primeira voda celebrada no interior do concello dende a declaración do estado de alarma. Os noivos, a parella formada por Cristina e Francisco, realizaron a sinatura no interior do Consistorio nunha pequena cerimonia que supón un trámite previo a unha celebración maior que teñen previsto realizar o vindeiro ano.


"Tivemos que pospoñer a celebración porque ninguén nos garantía que na data prevista (sábado 4 de xullo) a voda se puidese celebrar tal e como estaba prevista, con máis de 160 invitados" así o explica Francisco, que acudía hoxe ao concello de Redondela a dar el "si, quero" que volverá repetir o vindeiro ano, cando previsiblemente a situación sanitaria xa permita este tipo de eventos. Malia que adiar a celebración e negociar para buscar novas datas non foi doado, preferiron optar por unha nova data e non reducir o número de invitados. E non so o restaurante estaba pechado, a noiva apunta que xa tiña o vestido que terá que agardar no armario ao ano que vén.


Unhas circunstancias estrañas que non lle restou emoción a unha cerimonia íntima no salón de plenos onde non faltou o hidroxel e as máscaras. A voda rematou, como é habitual, coa tradicional tirada de arroz e pétalos ás portas do Concello.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: