www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 15 de Agosto de 2020

Manifestación en Soutomaior contra os recortes e o desmantelamento da sanidade pública
Política • 2/07/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O BNG alerta de que o Sergas non cubre as vacacións dos médicos e reduce á metade a atención sanitaria do municipio. Ante esta situación convocan unha manifestación o domingo día 5 en defensa da sanidade pública para dar resposta ao que cualifican de "nova humillación cara a veciñanza da localidade".


O Sergas acaba de levar adiante un novo recorte na sanidade pública de Soutomaior. Así o denuncian dende o BNG, "malia que o municipio padece dende hai xa varios anos un desmantelamento constante da sanidade pública, a Xunta de Galicia quixo ir un paso máis alá nestes días para, tal e como denuncian representantes dos traballadores, deixar a sanidade do Soutomaior nunha situación límite".


Esta situación prodúcese despois de que o SERGAS impoña uns cupos sanitarios tan elevados que provocan colapsos continuos na atención primaria; non cubra as baixas de médicos, enfermeiras, nin pediatras ou manteña pechado o consultorio de Soutomaior, obrigando aos veciños a pagar taxis para recibir atención sanitaria.


Esta situación, que xa motivou varias manifestacións da veciñanza, viuse agravada despois de que o SERGAS pechase tamén ao consultorio de Romariz e ademais decidise recortar tamén nos médicos de Arcade suplindo a baixa dun dos facultativos con profesionais dos PAC´s que só poden atender á veciñanza 4 horas ao día.


"Pero por se todo isto non fose dabondo, nestes días, a Xunta de Galicia decidiu que non ía tampouco cubrir as vacacións doutro dos médicos o que empezou a provocar problemas e tensións na atención sanitaria dende o primeiro día" conclúe a nota do BNG quen convoca aos veciños a se mobilizar o vindeiro domingo.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: