www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 19 de Setembro de 2020

As Bibliotecas Municipais de Redondela e Chapela abren desde hoxe todos os servizos
Sociedade • 29/06/2020
Autor: Ana Prieto

Con limitación do aforo e uso obrigatorio de máscaras nos espazos comúns, desde hoxe luns as bibliotecas municipais recuperan toda a súa actividade. Os postos de lectura están sinalizados para garantir a distancia mínima de seguridade, tanto na sala de adultos como na infantil e xuvenil.


As bibliotecas de Redondela e Chapela reactivan desde hoxe luns todos os servizos suspendidos, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. Como medida de seguridade limítase a capacidade das salas de lectura para garantir a distancia de seguridade. Só se poden utilizar os postos sinalizados e habilitados cunha cadeira, e non está permido movelos. É obrigatorio o uso da máscara tanto para acceder á biblioteca como para circular polos espazos comúns nos que non se pode garantir a distancia de seguridade. Non é necesaria cando se estea sentado no posto de lectura, xa que estes xa manteñen a distancia de seguridade. Tamén se permite xa o acceso aos andeis da colección, pero será necesario manter posta a máscara en todo momento. Ademais deberanse desinfectar as mans antes de manipular os documentos. Durante a lectura da prensa e revistas debe manterse posta a máscara en todo momento, e tamén desinfectar as mans antes do seu uso. Para contribuir a unha maior hixiene no momento da lectura, o persoal das bibliotecas facilitará dedís aos usuarios.


Sala infantil e xuvenil


Na sala infantil o funcionamento será o mesmo, só se poderán utilizar os postos sinalizados e habilitados cunha cadeira, e non se poden mover. Cada mesa poderá ser empregada por unha soa persoa ou por varias se conviven no mesmo fogar. Os nenos menores de 6 anos non teñen a obriga de empregar a máscara, pero deben estar sempre acompañados por un adulto que se responsabilice do cumprimento das normas de hixiene. Os maiores de 6 anos si están obrigados a levala, tanto para acceder á biblioteca como para circular polos espazos comúns. Poderán sacala cando estean sentados nos postos de lectura, porque xa manteñen a distancia de seguridade. O traballo en grupo na biblioteca non está permitido.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: