www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 5 de Xullo de 2020

A piscina de Redondela recibe aos usuarios con fortes medidas sanitarias e de hixiene
Sociedade • 25/06/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Logo de tres meses coas instalación pechadas por mor do estado de Alarma, este centro deportivo que xestiona a empresa Serviocio abría as súas portas o pasado luns con moitas incógnitas sobre a resposta dos usuarios. E parece que había gañas. Os amantes do deporte regresaron paulatinamente estes días tanto ao ximnasio como a piscina nunhas instalacións preparadas para garantir a seguridade sanitaria, con limpeza continuada, dispensadores de hidroalcol e aforo limitado, ademais de horario preferente para os maiores de 65 anos entre as 11:00 e as 13:00 horas.


A piscina da Marisma abría as súas portas o luns e malia estaren preparados para afrontar unha caída dos abonos e socios atopáronse cunha sorpresa agradable: os usuarios regresaron dispostos a retomar os seus hábitos deportivos. "Incluso nos atopamos con veciños que decidiron darse de alta, consciente de que este será un verán atípico e un bo momento para retomar a actividade física" explica o director da piscina de Redondela, Xosé Fernández.


Uns usuarios que se atoparon cunha batería de medidas encamiñadas a respectar o establecido polas autoridades sanitarias e, sobre todo, a garantir que se atopan nun espazo seguro: un circuíto para que a xente se cruce o menos posible, hidroxel e postos de desinfección, servizo de limpeza permanente, restrición do 75% do aforo, ampliación das instalacións do ximnasio para garantir a separacións das máquinas, franxas horarias para maiores que terán preferencia no acceso a piscina entre as 11:00 e as 13:00 horas ou incluso a instalación dunha cámara térmica na entrada do edificio que alerta no caso de que alguén supere os 37,2 graos.


O uso da máscara tamén é obrigado para acceder á instalación e para moverse por zonas comúns, pero non así para facer deporte.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: