www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 11 de Xullo de 2020

Os sachos volven ao monte na II Xornada de Deseucaliptización de Vilán
Sociedade • 17/06/2020
Autor: Lorena Otero

O colectivo Arroutada retoma a actividade este sábado cunha xornada para a recuperación do patrimonio natural de Fornelos de Montes na que darán continuidade aos traballos que comezaban en febreiro coa plantación dun viveiro para a recuperación de zonas degradadas polo cultivo intensivo de eucaliptos e a eliminación desta especie invasora. Para participar tan só hai que achegarse ás 10.00 horas á capela de Vilán

 


Coa chegada da “nova normalidade,” o colectivo reactívase este sábado, 20 de xuño, cunha proposta de recuperación do noso patrimonio natural. A xornada comezará ás dez da mañá na capela de Vilán, onde se organizarán dous grupos de traballo. Un deles centrarase na eliminación de eucaliptos dunha parcela cedida de monte comunal que fora empregada noutro tempo para o cultivo intensivo desta especie invasora. O outro grupo ocuparase de realizar labores de coidado e mantemento do viveiro forestal que creaban na primeira edición destas xornadas, en febreiro deste ano. Neste espazo cultivan carballos, castiñeiros e outras especies autóctonas que servirán para repoboar a contorna da capela de Vilan, un espazo afectado polos lumes e a proliferación do eucalipto. Sen ningún tipo de requisito, tan só ganas de traballar e pasar un día na natureza, os participantes deberán presentarse ás dez da mañá neste lugar, con roupa cómoda para o traballo e algunha ferramenta como sachos, podóns ou motoserras, aínda que a organización tamén levará material.


Esta é unha máis das propostas que  Arroutada organizan ao longo do ano na zona de Fornelos de Montes e Ponte Caldelas para suplir as necesidades de desenvolvemento rural, oferta cultural e recuperación do patrimonio que están a sufrir municipios coma estes por mor do despoboamento e o avellentamento do rural. Tamén teñen en marcha unha plantación de millo corvo, patacas e outras hortalizas que empregan para o autoconsumo e manteñen activa a campaña “Artivismo” que puñan en marcha durante o confinamento e na que convidan a “usar a creatividade como xeito de resistencia en defensa da terra”. Para iso, todo aquel que o desexe a enviar unha foto, audio ou vídeo ao correo arroutadacolectivo@protonmail.com “en defensa da vida e en contra da desfeita ecolóxica do rural”.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: