www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 11 de Xullo de 2020

Redondela manterá pechados os parques infantís ata contar con todas as medidas sanitarias
Institucional • 16/06/2020
Autor: Ana Prieto

O goberno local explica que "ante a imposibilidade de cumprir en dous días as esixencias da Xunta", que inclúen a desinfección diaria das zonas de xogo, a limitación do aforo e a colocación de dispensadores de hidroxel, optan por manter pechados tanto os parques infantís como as zonas biosaudables. Engaden que o concello irá abrindo "de xeito paulatino e estudado" as distintas áreas para que, unha vez que poidan ser utilizadas por nenos e nenas "conten con todas as garantías sanitarias".


O Concello manterá pechados os parques infantís e zonas biosaudables do municipio ata que se estuden por parte dos técnicos municipais, as posibilidades da súa apertura paulatina e controlada, unha apertura que "dende logo non é a que propón a Xunta de Galicia, dun día para outro, adoptando medidas que afectan aos concellos pero, como é habitual, sen contar para nada coa opinión dos propios concellos", asegurou a alcaldesa, Digna Rivas.


Rivas criticou a "improvisación" de que fai gala a Xunta do PP logo de estar "literalmente desaparecida durante un estado de alarma no que os concellos tivemos que asumir competencias que non eran nosas para non deixar desprotexidos aos nosos veciños e veciñas".


Cómpre sinalar que as normas publicadas no Diario Oficial de Galicia establecen, entre outras cousas, a desinfección diaria das zonas de xogo, limitación de aforo con 4 metros cadrados por cada neno ou nena e colocación de dispensadores de hidroxel, "medidas que non se poden levar a cabo en dous días".


Chama a rexedora local "á responsabilidade das nais e pais que, ata o de agora, amosaron un comportamento exemplar durante o confinamento" e adiantou que o concello irá abrindo, "de xeito paulatino e estudado" as distintas áreas infantís para que, unha vez que poidan ser utilizadas por nenos e nenas "conten con todas as garantías sanitarias".


Asemade, Digna Rivas fixo un chamamento a que non se retiren os precintos dos parques infantís e zonas biosaudables, como sucedeu no dia de onte, ata que o faga o Concello xa que, entón, poderán ser utilizadas ditas áreas "con todas as garantías para a saúde dos nosos nenos e nenas".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: