www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 11 de Xullo de 2020

Soutomaior reabre esta semana todos os seus parques infantís
Sociedade • 16/06/2020

Este luns xa se poñían en servizo seis zonas de lecer infantil, concretamente os parques do Peirao de Arcade, Talo Río, Sameán, Comboa, Romariz e as Igrexas de Soutomaior. O resto de parques do municipio poranse en servizo de forma progresiva durante os vindeiros días. Os parques serán desinfectados diariamente e se establece un límite no aforo.

 


A reapertura dos parques infantís permitida coa chegada da “nova normalidade” establece unha serie de condicións para o seu uso, como a limitación de aforamento necesaria para garantir o mantemento da distancia social entre os pequenos, que non poderán reunirse para xogar a menos que convivan xuntos. Ademais, os parques terán que desinfectarse a diario con produtos viricidas.


Do mesmo xeito, desde o Concello lembran que para mellorar a seguridade individual dos pequenos recoméndase o uso de elementos de protección individual, salvo en menores de 3 anos, o uso de xeles hidroalcohólicos e a observación constante das medidas de hixiene.


O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, lembrou que os nenos foron dos que máis sufriron durante o confinamento e é o momento de que poidan volver xogar e gozar dos parques, e máis agora coa chegada do verán. Pero tamén é un momento no que é moi importante a responsabilidade individual e o comportamento cívico para gozar dos parques de forma segura para todos.