www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 12 de Agosto de 2020

Arcade recupera este mes a feira de Talo Río
Institucional • 15/06/2020
Autor: Ana Prieto

A tradicional feira de Arcade regresará á alameda Talo Río o próximo día 26, unha vez rematado o estado de alarma sanitaria. Son case 50 comerciantes os que dispoñen de licenza e volverán a totalidade dos postos, xa que a gran amplitude da alameda permite cumprir coas recomendacións sanitarias para o distanciamento social.


A diferencia das feiras celebradas desde a fase 2 noutras localidades, nas que só se permitía a venda de produtos agroalimentarios, a feira de Arcade contará con todos os establecementos habituais, desde os dedicados ao téxtil aos de alimentación tradicional, pastelaría, calzado ou os dedicados á bixutaría e o coiro. A novidade nesta feira de Arcade será a obrigatoriedade dos comerciantes de atender con máscara, para garantir a súa protección e a dos clientes. Ademais, desde o Concello estudan a instalación de sinalizacións e a creación de carrís de dirección única para garantir o distanciamento entre os clientes durante as súas compras. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, indicou que esta reapertura é "unha gran noticia", xa que contribuirá á recuperación da normalidade "para todo o comercio local e para todos os veciños". Engade o rexedor que segue sendo importante "seguir as recomendacións sanitarias e usar máscaras cando non se poida cumprir o distanciamento social".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: