www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 11 de Xullo de 2020

O Concello defende o traslado da planta de Aucosa ou o cese de actividade
Sociedade • 12/06/2020
Autor: M. X. Queimaliños

"Os cheiros procedentes desta empresa son intolerables" así resume o edil de medio Ambiente, Roberto Villar o sentir dos veciños da zona que un día tras outro presentan denuncias ante a Policía Local por unha situación que se lles fai insostible. O goberno local solicitou unha reunión urxente coa Xunta para tratar o tema porque "é a Concellería de Medio Ambiente quen ten competencia para permitir ou non que esta empresa contaminante continúe coa súa actividade neste lugar". Na xornada de onte técnicos de Medio Ambiente e axentes do Seprona visitaron a planta tras as denuncias reiteradas de veciños e Concello. Os veciños manteñen a súa intención de mobilizarse.


A alcaldesa, Digna Rivas e máis o concelleiro de Medio Ambiente reuníanse na mañá de hoxe cunha representación duns 30 veciños residentes nas inmediacións da planta de Aucosa en Cabanas para dar conta das xestións que realiza o Concello na procura dunha solución a un "grave problema ambiental". Fartos dos cheiros que produce esta fábrica de fariñas de peixe e de non obter solución aos seus problemas estes veciños teñen en mente mobilizarse e así llo trasladaron aos representantes municipais que recoñeceron que "a reunión foi complicada porque os afectados están a padecer unha situación que é insoportable".


Dende o Concello lembran que está en mans da Xunta a decisión que pode permitir a Aucosa seguir coa súa actividade ou obrigar ao seu traslado "que é o que defendemos dende o equipo de goberno, porque se trata dunha empresa contaminante que por moita obra que realice vai seguir producindo cheiros". Lembran que os cheiros se incrementaron logo de que a empresa iniciara unha obras que foron paralizadas porque carecían de licenza "o que fai que agora algunha das actividades da empresa se realicen ao aire libre, emitindo aínda máis fedor".


No día de onte visitaron a zona un inspector de Medio Ambiente acompañado do Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (Seprona), sen que, ata o momento, apunta Villar, "teñamos coñecemento do informe elaborado".


Con eses novos datos sobre a mesa o goberno local esixe "unha reunión urxente coa Xunta de Galicia para tratar sobre o problema que Aucosa representa para a saúde ambiental de Rande" e, ao mesmo tempo, urxen á Xunta a que "dea conta ao Concello do contido do informe elaborado tras esa visita".


O edil asegura "non entender" como os servizos medioambientais da Xunta de Galicia poden informar favorablemente sobre unha actividade "altamente contaminante" nunha zona limítrofe á Rede Natura 2000 se ben, engade Villar, "á vista do contido dos informes queda claro que foron redactados dende un despacho en Santiago e non como consecuencia dunha visita detallada ao lugar dos feitos".


 


 


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: