www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 11 de Xullo de 2020

Redondela amplía o programa de conciliación con campamentos de verán en xullo e agosto
Sociedade • 9/06/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello de Redondela amplía o programa de campamentos para este verán co obxecto de facilitar a conciliación familiar e laboral nun ano especialmente complicado polo coronavirus. "Hai familias que quedaron sen vacacións neste período e que precisarán deste servizo durante os meses de xullo e agosto, motivo polo que decidimos ampliar a oferta que en anos anteriores se reducía ao mes de xullo" explica a alcaldesa Digna Rivas quen engade que previsiblemente tamén se ofertará este servizo na primeira semana de setembro.


A Concellería de Igualdade a través do programa "Verán con Simona" mantén os campamentos para este verán prolongando a súa duración un mes máis co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar durante os meses de xullo e agosto. Todo apunta a que volverán ofertarse estes campamentos tanto nas diferentes parroquias como no centro de Redondela, aínda que está por concretar o número de prazas que estarán dispoñibles en cada un dos espazos, xa que será necesario adaptar o programa á situación sanitaria garantindo ao máximo as medidas de distanciamento social "motivo polo que nos estamos atrasando máis do habitual en facer pública esta oferta".


Rivas insistiu en que no concello son conscientes da necesidade sobrevida a raíz do coronavirus e que dende a Concellería levan semanas traballando na organizacións destes campamentos que poderían arrancar o 6 de xullo e prolongarse ata o 4 de setembro, cuestións que concretarán en cuestión de días, cando se abra o prazo de inscrición.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: