www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 11 de Xullo de 2020

O Concello de Soutomaior reabre as súas portas ao público con novas medidas de seguridade
Institucional • 9/06/2020
Autor: Ana Prieto

Coa entrada na Fase 3 da desescalada a Casa do Concello abriu onte as portas ao público. Con todo, o goberno local recomenda seguir facendo uso do servizo de cita previa para evitar colas e aglomeracións innecesarias "que supoñen un risco para todos".


A Casa do Concello de Soutomaior abriu onte as súas portas novamente coa chegada da terceira fase da desescalada pola crise da COVID-19. Para garantir o cumprimento das recomendacións sanitarias durante esta fase e durante a "nova normalidade", levouse a cabo unha serie de melloras nas dependencias municipais para aumentar a seguridade "tanto dos visitantes como dos propios traballadores". Na entrada do consistorio instalouse unha alfombra desinfectante para o calzado e un dispensador de xel hidroalcohólico para as mans. Para acceder ás dependencias haberá que seguir as indicacións situadas no chan que establecen o sentido do tránsito dentro do edificio, incluídas as escaleiras e zonas de espera, e que axudarán a manter o distanciamento social. Ademais, todos os postos de atención ao público contan con biombos de protección, e na oficina de Servizos Sociais instalouse un novo portelo para axilizar trámites, evitando así o uso da sala de espera. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, indicou que a Casa do Concello recupera así o seu horario normal e destacou que, a pesar das medidas de protección instaladas "a mellor opción segue sendo facer uso do servizo de cita previa para evitar colas e evitar aglomeracións innecesarias que ao final supoñen un risco para todos".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: