www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 11 de Xullo de 2020

María Amoedo: "Téñolle tanto respecto ao coronavirus que este verán non penso ir a praia"
Sociedade • 8/06/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Malia que a corentena non se lle fixo moi dura porque vive acompañada prefire ser prudente e evitar os contactos innecesarios mentres o risco estea presente. "Teño 70 anos e non estou moi ben de saúde" asegura esta veciña de Redondela quen entende que, malia ter superada xa a fase máis dura do Estado de Alarma, hai que seguir aplicando todas as medidas precisas para evitar os contaxios. O que máis botou en falta nos días de confinamento foi, como tantos outros maiores, o contacto cos seus netos.


O seu confinamento foi exemplar "tan só saía cada quince días, cando non había máis remedio que ir ao supermercado ou a farmacia". Facía acopio de comestibles para non ter que ir moito a compra porque esas saídas deixáronlle unha imaxe imborrable e un tanto inquietante, a dunha Redondela practicamente deserta.


Pero tampouco agora, cando xa estamos en fase de desescalada e a vida tende a parecerse cada vez máis ao que era antes da pandemia, segue sen querer vir moito a vila "agora é menos duro, pero aínda baixo con moito respecto e non levo nada ben o da máscara así que prefiro non saír moito da casa".


Con todo, asegura que non pasou medo malia que si lle angustiaban as imaxes e as noticias que falaban de centos de mortos cada día. Un dos peores momentos foi cando lle comunicaron que tiña un fillo en corentena porque un dos seus compañeiros de traballo dera positivo en coronavirus "afortunadamente todo saíu ben, pero sempre tes temor ao que poida pasar".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: