www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 15 de Agosto de 2020

A estrada Os Valos-Guizán contará con beirarrúa peonil, carril bici e límite de 30 km/h
Institucional • 8/06/2020

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar o convenio con Redondela, que xa ratificara o pleno, para o ensanche e mellora da seguridade viaria no tramo da EP-2906 entre Os Valos e Guizán. Instalaranse redutores de velocidade e pasos de peóns elevados. Esta actuación quere promover os principios de "accesibilidade, seguridade viaria e mobilidade urbana sostible".


As obras recibirá unha inxección de 402.341,49 euros da Deputación de Pontevedra tal e como se desprende do convenio co Concello de Redondela que vén de aprobar o goberno de Carmela Silva. A través desta actuación, que financiará integramente a institución provincial, vaise reformar a vía provincial entre os puntos quilométricos 2+180 e 2+920. Silva explica que nesta obra prima "a mobilidade urbana sostible e o compromiso coa construción dunha sociedade onde as persoas sexan o centro de todas as accións, centrándose na accesibilidade, en facilitar a convivencia entre peóns, ciclistas e vehículos e garantindo a seguridade viaria". Neste tramo de 740 metros executarase unha beirarrúa peonil, ampliarase a beiravía e crearase un carril peonil e ciclista nun prazo previsto de cinco meses. Amais reducirase a velocidade do tráfico a 30 quilómetros por hora, mellorando as condicións de seguridade peonil, reducindo os niveis de ruído e as emisións de CO2. A parte inicial da actuación contará cun tratamento particular coa execución dunha beirarrúa peonil na marxe dereita. A continuación, na zona con maior densidade de edificacións, proxectarase unha zona de convivencia entre peóns e vehículos con velocidade limitada a 20 quilómetros por hora. Desde este punto desenvolverase a solución xeral, cun novo carril de uso compartido para peóns e ciclistas e na redución de velocidade da estrada a 30 quilómetros por hora. Así, a calzada pasará a ter dous carrís de 2,8 metros de ancho e 2,5 metros adicionais para a senda. Amais, o proxecto contempla a renovación da sinalización horizontal, a instalación de redutores de velocidade e pasos de peóns elevados para mellorar a seguridade viaria, así como o soterramento da rede de alumeado e telecomunicacións, e a adecuación das infraestruturas existentes para garantir o axeitado funcionamento baixo criterios de uso peonil e eficiencia enerxética.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: