www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 11 de Xullo de 2020

Os hostaleiros de Redondela amósanse preocupados pola competencia dos furanchos
Sociedade • 5/06/2020
Autor: Ana Prieto

A Asociación de Empresarios de Redondela anuncia que o sector da restauración da localidade "arrancará definitivamente a partir da fase 3". Advirten que, xunto coa limitación do aforo, a maior preocupación da hostalaría é a apertura dos furanchos, "establecementos que incumpren reiteradamente as limitacións de servizos establecidas pola lexislación".


Tras o peche obrigado dos establecementos de hostalaría a mediados de marzo por mor da crise da COVID-19, e malia que algúns bares e cafeterías xa abriron, será agora ás portas da fase 3 da desescalada, cando o sector da restauración da localidade "arranque definitivamente". Desde a Asociación de Empresarios sinalan que, tras semanas de preparación, os restaurantes de Redondela reabren con medidas de seguridade "inéditas" adaptadas individualmente en cada establecemento. Os hostaleiros revisaron todos os protocolos das Análises de Perigos e Puntos Críticos de Control. Abrirán "con todas as medidas de seguridade para a clientela", logo dun período de formación para os empregados e a inversión en material de seguridade. A diminución do aforo nos locais preocupa aos hostaleiros pola redución da facturación que iso supón, pero "non é o único condicionante da rendabilidade dos negocios". Os hostaleiros amósanse preocupados tamén pola apertura dos furanchos, establecementos que segundo denuncian "incumpren reiteradamente as limitacións de servizos establecidas pola lexislación".


Subvencións do Concello


Nas primeiras horas despois da publicación no Boletín Oficial da Provincia das subvencións por parte do Concello dirixidas a pemes, a Asociación de Empresarios recibiu ducias de consultas. Este interés por parte de empresarios e autónomos pon de manifesto "a necesidade da medida" que era esperada polo sector empresarial da localidade, e que vén a supor "un alivio áss importantes cargas soportadas durante estes últimos meses". Desde a entidade entenden que será tamén unha axuda para afrontar "o sobre custe que supón a adaptación dos negocios ás condicións de seguridade recomendadas para a reanudación da actividade".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: