www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 11 de Xullo de 2020

O Círculo de Chapela pon en marcha un campamento náutico para a conciliación familiar
Sociedade • 4/06/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O Círculo Cultural e Recreativo de Chapela retoma as súas actividades coa convocatoria dun campamento que busca facilitar a conciliación laboral e familiar pero tamén ofertar aos nenos e nenas da parroquia actividades diversas. Actividades que se desenvolverán nos meses de xullo e agosto e que inclúe un programa cheo de deportes náuticos. Windsurf, vela, kaiak, paddle surf ou banana, son algunhas das propostas que inclúe este programa que arranca o día 1 de xullo. As inscricións pódense facer no 986 451556 ou na sede do Círculo.


As actividades, orientadas a nenos e nenas de entre 6 e 15 anos desenvólvense en horario de mañá de 9:00 a 14:00 horas, un horario pensado para que pais e nais poidan conciliar vida laboral e familiar e para que os nenos conten cun espazo no que gozar de actividades lúdicas e deportivas. De feito, pódese contratar a maiores tanto o servizo de comedor como o plan madruga. O Círculo Cultural oferta o servizo durante dous meses podéndose contratar días soltos ou semanas concretas dependendo das necesidades dos asistentes e o único requisito para participar e saber nadar.


Os prezos van dende os 160 euros que custa o mes enteiro, 105 euros unha quincena ou os 65 euros que terán que abonar os que se acheguen ao campamento unha semana. Algo máis económico é o prezo para os socios da entidade, aos que se lle aplicarán diferentes rebaixas nas cotas. Hai incluso a posibilidade de achegarse días soltos por un prezo diario de 13 euros.


As persoas interesadas poden informarse no teléfono 986 451556 ou na páxina do Círculo Recreativo.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: