www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 6 de Xullo de 2020

Os comerciantes de Soutomaior comezan a súa formación para a venda electrónica
Institucional • 3/06/2020
Autor: Ana Prieto

Máis de 40 establecementos do municipio xa forman parte da nova plataforma de venda dixital posta en marcha polo Concello, e están a comezar a súa formación en mercadotecnia "on line" para sacar o máximo beneficio desta nova ferramenta. Outra medida para favorecer a situación económica de negocios e familias é o fraccionamento do pago dos impostos municipais.


O director técnico da plataforma, Xavi Haro, forma aos participantes sobre a importancia do comercio electrónico na actualidade a través de datos concisos e reais, como o número de procuras de calquera produto dentro do propio Soutomaior ou o volume de vendas xerado en municipios similares.Os comerciantes aprenderán o funcionamento da plataforma para facilitar o proceso de integración dos seus produtos. Do mesmo xeito, os participantes obtiveron as principais nocións sobre mercadotecnia dixital e comercio electrónico, que lles servirán de axuda para expor os seus produtos correctamente, aumentar a súa presenza dixital, o funcionamento das súas propias páxinas web ou como integrar esta nova canle de venda coa súa propia operativa. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, destaca "a importancia de aproveitar esta oportunidade e aprender o máximo posible agora, antes da previsible chegada do turismo dentro dun mes". Sinala que esta plataforma é unha oportunidade para que, ademais de facer turismo "tamén realicen as súas compras no comercio local", explica Reguera. As sesións formativas, que xa comezaron no Multiusos de Arcade, prolongaranse todo o mes de xuño.


Fraccionamento do pago de impostos municipais


O Concello de Soutomaior acaba de iniciar unha campaña informativa para dar a coñecer aos veciños do municipio o novo calendario de cobro de impostos municipais despois do seu adiamento debido á alarma sanitaria. O abono poderá fraccionarse en varias mensualidades que non terán un importe mínimo para facilitar ao máximo a flexibilidade dos pagos por parte da veciñanza. Así, o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), o de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) e o Imposto de Actividades Económicas (IAE) poderán pagarse de maneira fraccionada e en seis meses como máximo. Para acollerse a esta medida será necesario solicitalo a través da OVT, a Oficina virtual do ORAL antes do 15 deste mes. Os documentos de ingreso dos recibos non domiciliados en entidades bancarias remitiranse por correo postal ao domicilio de cada contribuínte e se algún veciño non o recibe poderá solicitalo a través do teléfono 886 211 400. A intención do goberno local é "aliviar a situación de moitas familias que viron reducidos os seus ingresos durante a alarma sanitaria e que agora necesitan flexibilidade e poder atrasar moitos pagos".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: