www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 9 de Xullo de 2020

O Concello autoriza a reapertura dos furanchos
Institucional • 1/06/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Os furancheiros que non puideron ofrecer o seu excedente de viño durante os pasados meses pola declaración do estado de alarma poderán reabrir os seus locais ata o 31 de xullo. Deberán facelo limitando o aforo a un máximo do 50% da súa capacidade, tanto no interior como no exterior, e adaptando o servizo ás medidas hixiénico sanitarias establecidas para calquera establecemento aberto ao público.


O viño da casa e os petiscos que o acompañan volverán a mesa este verán neses tradicionais furanchos que durante estas semanas de calor adoitan ser unha boa alternativa para as ceas en compañía. O Concello de Redondela xa anunciou a autorización para que estes furanchos reabran as súas portas a partir deste 1 de xuño para que poidan así dar saída ao excedente da tempada. Como límite, tal e como establece a Xunta, non poderán manter a actividade máis aló do 31 de xullo.


A reapertura destes locais chega con novidades por mor da pandemia xa que o aforo será moito menor, dun 50% tanto no interior como no exterior das vivendas. E do mesmo xeito que noutros locais de hostalaría, tanto os propietarios como os clientes terán que respectar as medidas hixiénico sanitarias establecidas para os establecementos abertos ao público. Deberemos acostumarnos polo tanto a unha distancia maior entre as mesas e a unha desinfección continuada no mobiliario e baños.


O anuncio chega logo de que a Xunta aprobase esta reapertura lembrando que "os municipios contan cun Rexistro de Furanchos para inscribir estes locais e deberán vixiar e garantir o cumprimento das normas".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: