www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 11 de Xullo de 2020

Menos aforo e clases na volta dos centros deportivos redondeláns
Sociedade • 27/05/2020
Autor: Lorena Otero

A “reapertura non é fácil para ninguén. Cada un ten a súa pequena loita” recoñece Alba Estrada, responsable de Crossfit Norte Redondela, que reabriron as súas portas este luns. O fan con menos clases para garantir a limpeza do centro e o material e con espazos de traballo delimitados. Nove metros cadrados por persoa para que a seguridade estea garantida. O material desinféctase antes e despois do seu uso e non se pode entrar con calzado da rúa.


Logo de dous meses e medio coas instalacións pechadas, este luns, 25 de maio, o centro deportivo Crossfit Norte Redondela volvía á actividade con cambios tanto nas instalacións como nas dinámicas das actividades. Delimitaron o espazo con estacións deportivas de nove metros cadrados para cada un dos usuarios onde dispoñen do material preciso para a práctica. Cada un dos recadros están separados dous metros o que garante que todas as persoas estean a unha distancia de cinco metros de outra. Tamén crearon corredores unidireccionais para que dous usuarios non teñan que cruzarse de camiño ao seu lugar de adestramento. Non se pode acceder con calzado da rúa e fan medicións de temperatura ao entrar.


O material empregado é desinfectado antes e despois de cada uso o que obrigou a reducir o número de clases. As duchas, polo momento, non se poden usar pero si os aseos. Medidas que lles permiten aos deportistas adestrar con tranquilidade e seguridade sen levar nin máscaras nin pantallas.


A responsable do centro, Alba Estrada, asegura que a sensación da reapertura foi a mesma que cando inauguraron en 2016, con moita “incerteza” de como ía reaccionar a xente. Pero amósase contenta pola boa acollida xa que máis da metade dos 140 usuarios que tiñan antes do 14 de marzo retomaron a práctica deportiva nestes primeiros días e espera que sexan máis nas próximas semanas. Recoñece que aínda hai certo medo entre os seus clientes pero que o protocolo de actuación que se lle enviou e unha videoconferencia informativa que fixeron, animounos a retomar a práctica dende o primeiro día.


Malia todo explica que volver á actividade non está sendo sinxelo para ninguén, “cada un ten a súa pequena batalla”. No seu caso, de todos os adestradores que traballaban antes da pandemia só regresou ela e algún de reforzo en horas soltas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: