www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 11 de Xullo de 2020

Soutomaior abre as súas praias sen parcelas nin cita previa
Sociedade • 26/05/2020
Autor: Ana Prieto

O Concello apela "á responsabilidade dos veciños" para un uso correcto dos areais. As praias están listas e sinalizadas coas recomendacións sobre o seu uso durante a alarma sanitaria. Pero sen parcelas, nin quendas, nin citas por internet. O goberno local decidiu non establecer ningún tipo restricións para o uso dos seus areais desde onte, coa entrada en vigor a Fase 2 da desescalada.


O Concello non ve viable instalar ningún tipo de limitación que garanta o acceso por parte de todos os veciños polo que decidiu abrir as súas praias cunha serie de recomendacións para os usuarios. Os areais de Soutomaior xa se atopan en perfectas condicións de uso, logo duns intensos traballos de limpeza realizados a pasada semana. Desde o Concello destacan que, a pesar de non existir restricións, é necesario seguir unha serie de recomendacións sanitarias, como manter a distancia de seguridade de dous metros, reducir o tempo das estancias para evitar aglomeracións e a utilización de medidas de seguridade como máscaras. Ademais, desaconséllase a práctica de actividades deportivas e lémbrase que tanto as duchas como os lavapés estarán pechados durante todas as fases da desescalada. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, explicou que parcelar as praias implicaría establecer quendas e un sistema de citas, "o que ao final sería inxusto porque moitos veciños do municipio quedarían sen posibilidade de ir ás súas propias praias". Sinala tamén que impor demasiadas normas sempre "alenta á picaresca" e o que se busca é totalmente o contrario, "apelar á conciencia e a responsabilidade dos veciños". "Até agora estámolo facendo ben, seguro que seguimos nesa liña", remata Reguera.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: