www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 11 de Xullo de 2020

Auga turbia e marrón no Alvedosa produto dunha purga
Sucesos • 25/05/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Tanto o sábado como o domingo, veciños de Redondela alertaban do estado que presentaban as augas do río Alvedosa ao seu paso polo centro da vila. Tinguidas de terra e cun aspecto certamente preocupante foron moitos os que alertaron aos servizos municipais quen confirmaron que non hai que temer ningún tipo de vertedura contaminante. Explican dende Medio Ambiente que as augas turbias foron consecuencia dunha purga na rede de abastecemento nos depósitos da traída en Quintela. Como efecto da purga produciuse un pequeno movemento de terras ao Rego Maceiras que chegou ao centro da vila.


A Concellería de Medio Ambiente aclara que recibidos os avisos de alerta na xornada do sábado e constatado o estado que presentaba o Alvedosa, dúas patrullas da Policía Local localizaron a orixe destas augas turbias nos depósitos da traída de auga municipal que se atopan na parroquia de Quintela. Nese punto teríase realizado unha purga de augas limpas que provocou un movemento de terras que acabaría no Rego Maceiras.


"Ao tratarse de auga limpa queda descartada unha contaminación das augas fluviais" explican dende este departamento. Asegura o edil Roberto Villar que "as purgas na rede de abastecemento de augas son un proceso que se realiza para manter a rede en boas condicións de cloro, xa que ao non existir movemento de auga por falta de consumo en partes da rede municipal, as partes finais poden ter baixa concentración deste produto, polo que é necesario darlle movemento a esa auga".


Na xornada do domingo tamén se realizaron purgas na contorna da Praza de Ribadavia.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: