www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 3 de Xuño de 2020

O comercio de Soutomaior súmase á venda online para afrontar a crise da COVID-19
Institucional • 20/05/2020
Autor: Lorena Otero

Dezaoito comercios de Soutomaior están xa a vender os seus produtos a través da plataforma dixital www.comprarengalicia.es. Produtos de alimentación, papelería, fogar, hixiene, deporte, roupa ou tecnoloxía, que se poden adquirir comodamente dende a casa e coa posibilidade de recollelos nos establecementos ou recibilos a domicilio. Unha iniciativa, na que o concello paga o 90% dos gastos da plataforma, co fin de apoiar ao comercio de proximidade nun momento de crise por mor da pandemia.


O comercio local está a ser un dos sectores económicos máis afectados polo coronavirus. Logo de máis de dous meses de peche, agora comezan a abrir as súas portas con restricións no acceso e a necesidade de pór en marcha estritas medias de prevención e hixiene, o que fixo que a reapertura para as tendas fose aínda máis costa arriba do agardado. Para animar á cidadanía a comprar e apoiar o comercio de proximidade, nacía a plataforma dixital www.comprarengalicia.es/arcade, á que se sumaron preto dunha vintena de establecementos de Soutomaior e que permite mercar produtos online dun xeito seguro, a un só click e cunha ampla oferta que vai dende a alimentación, informática, roupa, fogar ata a hixiene ou papelería, entre outros. A plataforma permite recoller a compra no propio establecemento ou no domicilio nun prazo de 12 a 24 horas, en función da demanda e a localización da entrega.


Para incentivar que máis comercios se sumen aos dezaoito que xa se adheriron a esta iniciativa, o concello de Soutomaior subvenciona o 90% dos gastos da plataforma, ao que destinará unha partida de 7.000 euros ao ano.


O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, animou aos veciños a facer uso desta nova ferramenta “coa que podemos apoiar aos nosos veciños comprando produtos locais”.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: