www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 4 de Xuño de 2020

Reticencias en Redondela para volver ás aulas nos IES "sen medidas que garantan a seguridade"
Sociedade • 18/05/2020
Autor: Ana Prieto

Segundo unha comunicación da Xunta de Galicia, o vindeiro día 25 de maio deberían retomarse as clases presenciais para o alumnado de 2º de Bacharelato. O Concello de Redondela colaborará cos centros escolares ante o reinicio do curso, malia que son "escépticos" de que sexa posible "pola incerteza sobre a evolución do coronavirus". Tamén negocian coa Universidade de Vigo para que as probas da ABAU se fagan en Redondela.


A alcaldesa, Digna Rivas, mantivo unha reunión telemática coas equipas directivas dos centros escolares de Redondela, na que se puxeron de manifesto "as reticencias que directores e profesorado teñen ante un reinicio do curso sen antes garantir, ao cen por cen, a seguridade sanitaria tanto do alumnado coma dos docentes", explicou a alcaldesa. No decurso da reunión, o Concello púxose á disposición dos institutos para colaborar no que precisasen "na medida das súas posibilidades" en tarefas como a limpeza dos centros escolares, "non desinfección", aclara a rexedora "porque para unha desinfección a fondo o Concello non ten medios e, ademais, é unha competencia exclusiva da Consellería de Educación". En todo caso, tanto a alcaldesa como as directivas dos centros escolares amosaron o seu "escepticismo" sobre o reinicio do curso escolar ao existir "incerteza na evolución da COVID-19 e, sobre todo, dúbidas á hora de garantir a saúde dos rapaces e rapazas" que, segundo Rivas, "debe ser total", e ademais a única prioridade "por riba de calquera outra consideración". Critican tamén que o comunicado da Consellería de Ensino é "ambiguo", xa que que deixa á elección dos rapaces asistir ou non ás aulas. A medida supón, para alcaldesa de Redondela, "unha maneira de eludir responsabilidades facéndoa recaer sobre o alumnado".


ABAU en Redondela


Doutra banda a alcaldesa de Redondela adiantou que mantén "continuo contacto" co reitor da Universidade de Vigo de cara a que os rapaces e rapazas que teñen que facer as probas da ABAU -a antiga Selectividade- as poidan realizar en Redondela. Explica Rivas que, deste xeito, evitaríase que o alumnado de Redondela e Soutomaior teña que desprazarse "co risco sanitario que neste momentos supón". As probas poderían realizarse nunha instalación por determinar que podería ser o pavillón de deportes, "no que se poderían garantir as medidas de distanciamento, desinfección e seguridade desexables", concluíu a rexedora local redondelá.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: