www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 3 de Xuño de 2020

Libros en corentena para garantir o préstamo seguro nas Bibliotecas de Redondela
Cultura • 15/05/2020
Autor: M. X. Queimaliños

As bibliotecas porán os libros en corentena tras cada préstamo para evitar contaxios. Os libros entregados polos usuario illaranse durante un período de 14 días tal e como establece o Ministerio de Sanidade para garantir un préstamo seguro. Nesta primeira fase da desescalada este servizo tanto en Redondela como en Chapela centrarase nos préstamos e devolucións, pero os usuarios non poderán usar os ordenadores nin a sala de estudo.


As bibliotecas de Redondela e Chapela prepáranse para retomar a actividade coa posta en marcha dun estrito protocolo que busca garantir en todo momento a seguridade dos seus usuarios. Así, aplicarán as medidas establecidas polas autoridades sanitarias que establecen un período de corentena, dende que se devolve un libro ata que se volve a prestar. O paso do tempo é o mellor remedio para acabar cun virus que, segundo os expertos, podería sobrevivir no papel dende unha hora ata catro ou cinco días. Neste caso, para traballar cunha seguridade total amplíase ese período ata os 14 días, tempo durante o cal o libro permanecerá illado ante a imposibilidade de contar cun método de limpeza que poida garantir a eliminación do coronavirus sen deteriorar o material.


As persoas que tiveran retirado algún libro das bibliotecas antes de decretarse o estado de alarma teñen de prazo para a súa devolución ata o 10 de xuño, con todo, na próxima semana tanto as salas do Multiusos de Redondela como a do Piñeiral do Crego abrirán as súas portas para aqueles que queiran facer as súas devolucións ou levarse algún libro en préstamo. O persoal prepárase xa para ese regreso a actividade que será certamente impactante "con mamparas, máscaras, luvas e sen que os usuarios poidan coller os libros para botarlle unha ollada ás contraportadas".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: