www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 8 de Agosto de 2020

O PP critica que o goberno manteña as franxas horarias nas parroquias
Política • 11/05/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Unha decisión que cualifican "inxustificada, discriminatoria e unha falta de respecto sen precedentes" polo que esixen ao goberno local unha rectificación inmediata e que pidan desculpas públicas aos veciños por non ter eliminado as franxas horarias para o paseo e a práctica do deporte malia a autorización da Delegación do Goberno. Digna Rivas xustificara esta decisión por considerar unha irresponsabilidade adoptar esta medida sen dispoñer dos datos reais solicitados sobre a evolución da COVID-19.


O Partido Popular condena rotundamente a decisión tomada polo Bipartito municipal de no aplicar nas parroquias a eliminación de franxas horarias para o paseo e a practica do deporte que afectarían a aqueles núcleos de poboación de menos de 5.000 habitantes.


Unha decisión que a voceira do PP, Carmen Amoedo, cualifica de "inxustificada porque o concello non ten competencia para desobedecer unha normativa estatal e moito menos durante un Estado de Alarma".


Amoedo afirma que os motivos aducidos polo concello carecen de todo fundamento. "O Concello di carecer de información sobre a evolución do Covid-19, pero pretende ignorar que acabamos de pasar á Fase-1 da desescalada logo de que o Ministerio de Sanidade avaliara os datos sanitarios facilitados pola Xunta. Ademais a propia Federación Española de Municipios e Provincias , presidida por Abel Caballero, aclara na súa páxina oficial que os concellos non deben dispoñer dese tipo de información xa que a súa actuación debe limitarse a seguir as recomendacións sanitarias xenéricas".


A Concelleira popular considera aínda mais grave "que se pretenda responsabilizar aos veciños desta decisión. Levamos semanas pedindo a Alcaldesa que se faga unha labor de control para evitar aglomeracións e comportamentos pouco cívicos. Non se fixo nada disto, e agora fáltase ao respecto dos veciños culpándoos da falta de previsión do goberno municipal. A inmensa maioría dos redondeláns mantivo un comportamento exemplar, moi por encima do que ven demostrando o propio goberno de Redondela."


Por todo isto esixen "unha rectificación inmediata, ademais dunha desculpa pública a todos os veciños, que non merecen este inxustificado agravio comparativo."


A alcaldesa pola súa banda xa adiantou que non será ata o mércores, na Comisión de Seguimento da COVID-19 cando se analizar os primeiros días da fase un e o cumprimento das medias de distanciamento e seguridade entre os veciños, en base ao cal se decidirá o mantemento ou supresión das franxas horarias nos núcleos de poboación de menos de 5.000 habitantes. Para iso avaliarán un informe da Policía Local sobre o cumprimento das normas nos primeiros días desta fase de transición.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: