www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 31 de Maio de 2020

AER propón aos grupos políticos ceder 90.000 euros da súa asignación para axudas pola Covid-19
Política • 7/05/2020
Autor: Ana Prieto

A crise sanitaria, económica e social por mor da pandemia do coronavirus chega hoxe ao pleno que celebra a corporación de Redondela. A sesión telemática inclúe unha proposta da Agrupación de Electores para que os grupos políticos renuncien a parte das asignacións que reciben, e que eses cartos se dediquen "a paliar os efectos da crise económica e social provocada pola pandemia na veciñanza redondelá".


Na sesión plenaria que comezará hoxe ás 20.00 de xeito telemático, AER defenderá que se recupere a proposta de retribucións do goberno bipartito, e derrogar a aprobada por PP e BNG en setembro do ano pasado, que incrementa en 90.000 o gasto no conxunto do mandato. A Agrupación de Electores considera que "esta é a mellor maneira de amosar o verdadeiro compromiso dos grupos políticos municipais coa sociedade, máis alá de achegas simbólicas". Explican que desde o Concello de Redondela será necesario levar a cabo diferentes tipos de medidas "especialmente no ámbito social e económico" que implicará "ben un aumento do gasto, ben un descenso de ingresos". Por iso a agrupación entende que hai que buscar "medidas de aforro". Fronte a iniciativas doutras forzas políticas, AER defende que "a mellor maneira que teñen os grupos políticos deseren útiles é rebaixar as asignacións económicas que perciben dos orzamentos municipais". A Agrupación de Electores de Redondela leva ao pleno deste xoves que a asignación aos grupos políticos sexa de 2.700 euros brutos anuais para o grupo político, máis 300 euros brutos anuais por cada concelleiro.A proposta substituiría á que actualmente está en vigor, e que supón un aforro de 22.500 euros ao ano, cun total de 90.000 euros no mandato de catro anos.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: