www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 3 de Xuño de 2020

Redondela pon en marcha un servizo de consultas sobre o COVID-19 para Pemes e autónomos
Institucional • 6/05/2020

O servizo estará dispoñible a partir do próximo luns, 11 de maio, a través do teléfono, correo electrónico e cun formulario web accesible na páxina web do Concello redondelán. Trátase de ofrecer información específica para o sector produtivo "de cara a resolver as dúbidas que se lle poidan presentar e a darlles conta das líñas de axuda habilitadas polas distintas administracións".


A partir do próximo luns, 11 de maio, Pemes, autónomos e persoas traballadoras de Redondela poderán contar cun servizo de atención personalizada, apoiado por expertos nos distintos ámbitos temáticos, no que se resolverán as dúbidas que se lle poidan presentar e se lles informará das axudas de carácter fiscal, laboral e económico postas en marcha pola emerxencia sanitaria da COVID-19. Trátase, segundo a alcaldesa Digna Rivas, de poñer ao alcance do sector produtivo do municipio "todas as ferramentas precisas que lle axuden, á maior brevidade posible, a unha volta á normalidade". A páxina web do Concello de Redondela conta cunha sección específica COVID-19, na que se recollerá información para Pemes, autónomos e autónomas e persoas traballadoras. Para unha maior funcionalidade, a páxina conta cun apartado de "Consultas frecuentes" na que se irán rexistrando as preguntas recibidas polo servizo de asesoramento e as respostas que poidan ser de interese para outras empresas ou persoas con problemáticas similares. A web do Concello xa conta desde o inicio da pandemia cun apartado específico sobre o COVID-19 no que se detallan as medidas postas en marcha, tanto polo Goberno central como pola Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello. Esta sección "amplíase agora con este servizo específico para o sector produtivo" de cara a resolver as dúbidas que se lle poidan presentar e a darlles conta das líneas de axuda habilitadas polas distintas administracións". A alcaldesa subliñou que tanto esta sección web COVID-19 coma o servizo de consulta específico para Pemes, autónomos e traballadores, forman parte "dun amplo plan de reactivación local no que traballa o goberno local e que incluirá un amplo abano de medidas de contención dos efectos que a crise sanitaria está a provocar no municipio". Rivas explicou que o Concello elabora un "Plan de choque", para o que se contará coa participación da Asociación de Empresarios e persoas autónomas do municipio no que se inclúan unha serie de medidas concretas que axuden a contrarrestar o choque que, para a nosa economía local, supón esta crise tanto económica como sanitaria.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: