www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 8 de Agosto de 2020

As perruquerías retoman a súa actividade con listas de espera de varios días e menos persoal
Sociedade • 5/05/2020
Autor: Ana Prieto

Os salóns de peiteado de Redondela, igual que no resto de Galicia, retomaron onte a actividade no marco do comezo da fase 0 de desescalada. No caso de Arima, no centro da vila, fano con listas de espera de varios días, menos persoal para garantir o mantemento da distancia de seguridade, e unhas estrictas medidas de hixiene.


Durante esta fase só poderán atender a clientes con cita previa, e deben estar no establecemento con luvas e máscara. No caso de Arima teñen a súa axenda practicamente chea, polo menos, até o día 20 deste mes. Marga Rivas, unha das propietarias, explica que teñen uns estritos protocolos de desinfección, que levan a cabo tras atender a cada cliente. É obrigatorio o uso de luvas e guantes, e cada profesional só pode dar servizo a unha clienta á vez, polo que o tempo destinado a cada persoa increméntase. A dificultade para manter a distancia de seguridade entre os profesionais en establecementos levou a que os centros abriran cun menor número de empregados. No caso deste salón de Redondela están a traballar as tres propietarias, mentres as tres empregadas coas que contan seguen en situación de ERTE. Trátase dunha situación complicada para esta perruquería, que afronta igual que o resto de negocios esta crise "inesperada". Rivas explica que estaban desexando "volver ao traballo" para poder obter algúns ingresos despois de case dous meses de peche forzoso. Explica que deste xeito poderán facer fronte a parte dos gastos que se acumulan, como hipoteca, impostos e pagos a proveedores. O seu local acumula unha lista de espera de máis de dúas semanas, xa que son moitas as clientas que as chamaron para reservar unha cita, e poucos os servizos que poden facer cada día, malia que ampliaron o horario de atención ao público. A perruqueira móstrase tamén moi agradecida coas súas clientas, que se amosaron "moi comprensivas" con esta nova situación.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: