www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 10 de Agosto de 2020

Normalízase o abastecemento de material de protección nas farmacias
Sociedade • 29/04/2020
Autor: Lorena Otero

Nin listas de espera, nin desabastecemento de máscaras, nin xeles hidroalcohólicos, nin de luvas nas farmacias do noso municipio. Atopar estes produtos xa non é unha odisea e na actualidade tan só hai algunha demora no caso das máscaras infantís dada a alta demanda dende o pasado domingo. Nas próximas semanas tamén continuará a distribución gratuíta de máscaras para persoas vulnerables do concello a través destes establecementos.


Aínda que no inicio da pandemia si houbo problemas para atopar este material nas farmacias de Redondela, arestora a distribución normalizouse e xa non é preciso reservar os produtos xa que tanto as máscaras, como os xeles desinfectantes e as luvas pódense adquirir en calquera das boticas do municipio. Iso si, segundo nos explica a farmacéutica Rita Pereira, no caso das luvas tan só se vende un par e non caixas e no caso das máscaras infantís si que existe lista de espera debido ao inicio das saídas dos menores de 14 catorce anos o que provocou un incremento da demanda na última semana.


A titular da farmacia redondelá, recoñece que ao comezo da pandemia a situación foi complicada e conseguir material de protección no mercado, difícil. Considera que o feito de non terse fixado dende o inicio un prezo por parte do Goberno para este tipo de produtos e que non se rebaixase o IVE manténdoo ao 21%, dificultou máis o proceso de adquisición e fixo que as empresas provedoras deste material de protección básico neste momento, se aproveitasen.


Uns establecementos a través dos cales o Concello tamén está a distribuír máscaras de balde á poboación prioritaria. As primeiras entregas xa se fixeron entre as persoas máis vulnerable por cuestións de saúde ou de idade. Polo momento este material está esgotado nas farmacias, á espera de que o Concello dispoña de novas mascaras, pero si existe unha lista de espera na que poder apuntarse.


A próxima semana o Colexio de Farmacéuticos tamén asinará un convenio coa Xunta polo cal se distribuirán máscaras gratuítas ás persoas con menor renda, aqueles con aportación cero ou do 10%, aos que se lle cargará na súa tarxeta sanitaria entre dúas e tres máscaras.


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: