www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 4 de Xuño de 2020

Reforzase a desinfección das rúas de Redondela
Institucional • 29/04/2020
Autor: Lorena Otero

Coa previsión de que a partir do sábado se incremente o número de persoas nas rúas do municipio, intensifícanse os labores de limpeza. Esta noite un camión da Demarcación de Estradas do Estado desinfectará cunha solución de hipoclorito as principais rúas dos cascos urbanos de Chapela e Redondela o que permitirá aos equipos de protección do Concello centrarse na limpeza das parroquias.


A Subdelegación do Goberno súmase aos traballos de desinfección que está a facer o concello das rúas, estradas e espazos públicos do municipio para evitar a propagación do virus e garantir a maior salubridade posible. Coa previsión de que o fluxo de persoas nos espazos públicos se incremente a partir do sábado, dous de maio, cando aos rapaces se lle sume o resto da poboación coa posibilidade de saír ás rúas unha hora para pasear ou facer deporte, estáse a reforzar a limpeza.


Este mércores pola noite un vehículo da Demarcación de Estradas do Estado cunha capacidade de 10.000 litros nebulizará cunha solución de hipoclorito as principais rúas de Redondela e Chapela. O obxectivo, segundo sinalan dende o concello, é “realizar unha desinfección xeral dos espazos públicos para eliminar partículas contaminadas que poidan causar contaxios da Covid-19”.


As tarefas de desinfección con este vehículo tan só se farán nas vías principais debido ás súas dimensións. Un reforzo que permitirá aos equipos de limpeza do concello centrar os seus traballos nas parroquias, onde se están a realizar estes labores de hixienización dende primeiras horas da xornada.