www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 8 de Agosto de 2020

O Concello aposta pola dixitalización do comercio ante o novo xeito de consumo marcado polo coronavirus
Política • 27/04/2020
Autor: M. X. Queimaliños

A Concelleira de desenvolvemento local e emprego, María Castro, entende que é cousa de todos traballar para garantir a pervivencia do comercio local. Uns locais de proximidade que se poderían beneficiar ante o novo xeito de consumo que deixa a crise do coronavirus xa que previsiblemente os clientes fuxirán de grandes aglomeracións como as dos centros comerciais. Con todo, será tamén necesario que ese comercio se dixitalice e modernice. Dende o Concello entenden que unha das súas responsabilidades será asesorar aos comerciantes neste sentido.


A mesa de Asesoramento Económico e Reestruturación do Comercio reunirase por segunda vez na vindeira semana xa co obxectivo de adoptar medidas concretas de cara a recuperar canto antes a economía local afectada de cheo polo parón que supuxo o Estado de Alarma.


Dende o Concello defenden que dende o inicio da crise xa se adoptaron medidas para suavizar a crise dos comerciantes como pirorizar o pago a proveedores co pago de 1,5 millóns de euros pendentes, accións concretas de promoción de consumo nas prazas de abastos e iniciativas como o MercaNaCasa, modificacións do calendario fiscal, exencións de taxas ou bonificacións. Accións que Castro entende necesarias pero que recoñece "non van supor un gran alivio para os que teñen os negocios pechados".


Aposta por accións que "perduren no tempo e impulsen a economía, máis aló de dar axudas económicas". Neste sentido insiste en que "o mercado tal e como se entendía ata o de agora non vai existir, o consumidor vai mudar os seus hábitos e ante esa situación é preciso adaptarse". Aposta sobre todo pola "dixitalización do comercio, polo que dende o Concello tentarase facilitar esa modernización con asesoramento e apoio".


En canto a primeira reunión da Mesa de recuperación económica celebrada o venres apunta que se centrou en establecer cal é o obxectivo da mesma e que, aínda que as propostas concretas formularanse na próxima reunión, xa houbo algunha iniciativa interesante como a da Confraría de Cesantes que formulou a idea de vender directamente o seu produto na praza de abastos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: