www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 8 de Agosto de 2020

O final da liga en Terceira Divisón segue no aire
Deporte • 23/04/2020
Autor: Ana Prieto

A Federación Española de Fútbol exponse declarar nula a tempada, ante a ausencia de consenso e as numerosas mostras de rexeitamento á proposta dun "play off exprés". O C.D. Choco é un dos clubs que rexeita esta alternativa. O presidente, Iván Crespo, entende que se non se disputan as 11 xornadas que restan non pode haber ascensos, polo mesmo motivo que a Federación elimina os descensos.


A proposta da Federación Española de Fútbol de concluír a tempada cun "play off exprés" entre os catro primeiros clasificados está a atopar cada día máis detractores. As numerosas alternativas lanzadas desde diferentes clubs e a falta de consenso, levaron ao organismo que preside Luís Rubiales a pensar na anulación definitiva da tempada. A proposta que lanzou a Federación Española para a Terceira División establece que non habería descensos, e habería unha fase de ascenso "exprés" entre os catro primeiros. A proposta non convence á maioría dos clubs da categoría, como é o caso do C.D. Choco. Calquera medida que se adopte debe chegar desde o consenso, algo que non se dá nestes momentos, xa que hai clubs que mesmo anunciaron que denunciarán ante a xustiza ordinaria á Federación en caso de celebrarse ese "play off exprés" que expuxo. Unhas trinta proposicións diferentes chegaron á Federación, entre elas a do club redondelán, que pasa por anular a competición "no caso de que non poidan xogarse as 11 xornadas que faltan". O Choco sería un dos prexudicados, xa que cando parou a competición era 5º, e levaba xogados máis partidos fóra da casa que como local. O parón da competición colleu ao C.D. Choco no medio dunha temporada "moi boa nas diferentes categorías". Ademais de ter ao equipo de máxima categoría a tan só 4 puntos do 3º e 4º clasificado, tamén nas categorías de xuvenil, cadete e benxamín o club contaba con equipos en postos de ascenso directo e promoción.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: