www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 8 de Agosto de 2020

O BNG denuncia a mala xestión da Xunta no Centro de discapacitados de Chapela con dous falecidos
Política • 22/04/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Un total de 70 contaxiados e un tráxico balance de dúas persoas mortas leva ao BNG a cualificar de "neglixente" a xestión da Xunta no CAPD de Chapela. Salientan que non se facilitaron test nin material suficiente para evitar contaxios ao inicio da epidemia e que se aplicou unha política de desinformación á alcaldía de Redondela, negando que faleceran dous dos residentes.


Explican dende o Bloque que nos primeiros días de extensión da epidemia o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Chapela, dependente da consellaría de Política Social, converteuse nun dos centros máis afectados pola extensión da enfermidade, chegándose "a un pico de setenta contaxiados e contaxiadas entre persoal e usuarios, dous das cales acabaron finando".


Unha situación que amosa para o BNG "a neglixente xestión da xefatura territorial da Xunta, abandonando á súa sorte aos traballadores e traballadoras na loita contra a expansión da epidemia, só mitigada polo compromiso dos profesionais co apoio da dirección do centro".


Critican tamén que se tentara "silenciar o pasamento de dous dos usuarios, negándoselle á alcaldía información dende a Xunta a este respecto", apunta o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González.


O goberno galego "desvinculouse destas dúas vítimas por teren finado no hospital" polo que esixen que a Xunta se desculpe "ante as familias e os traballadores" e esixen asunción de responsabilidades na Consellería de Política Social ante este "descontrol e xestión deficitaria".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: