www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 4 de Xuño de 2020

O Concello convoca unha Mesa de Asesoramento para traballar na recuperación do sector comercial
Institucional • 18/04/2020
Autor: M. X. Queimaliños

A Mesa de Asesoramento Económico e Reestruturación do Sector Comercial, na que participarán representantes dos sectores económicos máis significativos - hostalería, comercio, Asociación de Empresarios- así como técnicos municipais e representantes dos distintos grupos políticos, reunirase esta semana coa vista posta "no día despois" para paliar os efectos da crise provocada polo estado de alarma polo COVID-19.


O Concello de Redondela convocará esta semana a primeira reunión da Mesa de asesoramento Económico e Reestruturación do Sector Comercial, unha iniciativa que nace coa intención de comezar a traballar conxuntamente nun plan de acción para intentar paliar os efectos da crise que o estado de alarma polo COVID-19 traerá aparellada durante o mesmo e nas datas posteriores ao seu remate.


Esta Mesa busca "a unión e implicación de tódolos sectores afectados para reactivar a economía e buscar unha saída en común a crise provocada pola pandemia", explica a concelleira de Economía, María Castro.


Nesta reunión avaliaranse medidas de cara a revitalizar o sector como "actividades de promoción e dinamización ata a exención de taxas, pasando por axudas, infraestruturas e iniciativas de publicidade e comunicación" matiza o Equipo de Goberno.


Lembran neste sentido que dende que arrancara o estado de alarma "o Concello xa está a implementar medidas como a promoción dos mercados de abastos municipais, o a potenciación do servizo de pedidos nos mesmos. Asemade estableceuse a exención ou bonificación de varios tributos municipais ou a mobilización de un millón de euros para axilizar o pago a provedores, de cara a permitir que as empresas e persoas autónomas, dispoñan de liquidez para seguir funcionando".


A este respecto, explicou Digna Rivas, que coa vista posta no "día despois", o Goberno local en colaboración co sector comercial e empresarial, desenvolverá medidas de dinamización "que se recollerán nun Plan de choque no que se incluirán campañas de sensibilización que lembren á cidadanía a importancia de mercar no comercio local e de proximidade como medio de creación de riqueza, emprego e reactivación económica e que contribúa a que saiamos, o antes posible, desta situación crítica".


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: