www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 3 de Xuño de 2020

Cáritas Redondela teme que se incrementen as peticións de axuda social tras o confinamento
Sociedade • 17/04/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O reparto de alimentos entre as familias con menos recursos continúa dende a entidade. Polo de agora aínda non notaron moito os efectos da máis que posible crise social e económica froito da actual crise sanitaria. Con todo, son conscientes de que o número de usuarios incrementarase no futuro. Malia que se reduciu o número de voluntarios na asociación, xa que moitos ao pasar dos 60 anos non poden colaborar seguen co reparto en colaboración con Protección Civil.


"Estamos ante unha situación complicada" explica dende Cáritas Paco Couñago, "pero seguimos atendendo tanto ás persoas que xa eran usuarios nosos como a aqueles que nos derivan dende servizos sociais". De feito, este mesmo xoves e como fan habitualmente, realizaron un reparto entre 30 familias "antes achegábanse eles ao noso local, pero para minimizar os riscos sanitarios e evitar que saian das súas casas, son os voluntarios de Protección Civil os que fan este reparto domiciliario".


Aínda que nas últimas semanas se incrementou lixeiramente o número de persoas que demandaron a axuda de Cáritas para cubrir as súas necesidades básicas, temen que será tras o confinamento cando máis se noten as novas necesidades. "Normalmente quen precisa da nosa axuda achégase ao local, que agora está pechado. Si recibimos casos derivados de Servizos Sociais onde se pode poñer en contacto calquera que o necesite a través do teléfono 986 402608".


Contan aínda cun fondo de alimentos que lles permitirá resistir aló menos un par de meses "temos as achegas feitas directamente dende o Banco de Alimentos, os produtos das nosas propias recollidas e doazóns e achegas diversas polo que non temos problemas de abastecementos", pero insisten "dependendo do que dure a situación a cousa podería complicarse".


Se alguén quere colaborar con Cáritas pode facelo de xeito diverso, un deles, facendo algunha compra en calquera supermercado e indicando que sexa entregada na sede da entidade.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: