www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 4 de Xuño de 2020

Maios virtuais para darlle a benvida á primavera
Cultura • 17/04/2020
Autor: Lorena Otero

Malia que a pandemia obrigou a suspender a celebración que cada un de maio reúne a centos de persoas no casco urbano de Redondela para ver as figuras feitas polas asociacións e veciños do municipio, este ano non faltará esta cita cultural que será virtual. O colectivo Sinha Paca en colaboración co concello propóñennos os “Maios Confinados”. Até o 28 de abril está aberto o prazo para presentar as propostas de maios, en fotografía, e as coplas. Haberá premios que consistirán en lotes de libros e entradas para o teatro.


Os maios non engalanarán a Alameda de Redondela o día un de maio pero si estarán na Internet porque o colectivo cultural Sinha Paca, en colaboración coa Concellería de Cultura, veñen de presentar os “Maios Confinados”. Versión dunha das celebracións máis senlleiras do noso municipio adaptada aos tempos de confinamento que estamos a vivir e mantendo o mesmo obxectivo celebrar a chegada da primavera e exaltar esta estación do ano.


Mantéñense as mesmas categorías de maios, coplas e intepretación pero neste caso serán os veciños nas súas casas e mantendo as medidas de seguridade os que elaborarán as maquetas, miniaturas, ou calquera outra proposta de maio que logo deberán fotografar e enviar ao enderezo cultura@redondela.gal. No caso das coplas, deberán presentarse como mínimo seis composicións. Tamén se poderá enviar un vídeo coa interpretación dalgunhas coplas relacionadas co maio presentado, neste caso opcional.


O concello dará a coñecer aos gañadores o 1 de maio a través da Internet. Os mellores maios, coplas e interpretacións recibirán como premios lotes de libros e entradas para o teatro.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: