www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 3 de Xuño de 2020

O BNG denuncia deficiencias na recollida do lixo durante a Semana Santa
Política • 15/04/2020

Zonas das parroquias sen recollida de residuos durante cinco días e colectores desbordados son algunhas das deficiencias, que segundo os nacionalistas, sufriu o servizo de recollida do lixo durante a pasada semana, especialmente en parroquias como Saxamonde, Negros ou Cabeiro. Presentaron un escrito ao goberno local para que se estuden posibles sancións a Urbaser polos incumprimentos.


Malia que a empresa se comprometera a recoller o lixo tres días á semana na zona B, fóra dos cascos urbanos de Redondela, Chapela e Cesantes, ou no caso de festivo, o día seguinte ao habitual, o BNG de Redondela denuncia que non foi así durante a Semana Santa, cando detectaron colectores desbordados polo lixo e falta de recollida nalgúns puntos das parroquias de Saxamonde, Negros, Cabeiro ou Reboreda. Denuncian que a empresa concesionaria, URBASER, “non está a cumprir o acordado” non dando servizo de recollida durante cinco días o que provocou a acumulación de residuos na contorna dos colectores por estar cheos.


O Portavoz Nacionalista, Xoán Carlos González, advirte que isto supón “unha discriminación para parte dos veciños e veciñas das parroquiais, pois teñen que acumular os residuos durante catro ou cinco días, cando noutras zonas isto non sucede”. Insta ao goberno local a lembrarlle á concesionaria cales son os seus compromisos e que se estuden “posibles repercusións económicas por non cumprir o acordado”. Os nacionalistas presentáronlle un escrito ao goberno local no que se demanda que se estude posibles sancións á empresa que podería estar incorrendo nunha falta grave.


Tamén sinalan que non se están a cumprir as directrices derivadas do estado de alarma polas que os colectores deben manterse coas tapas abertas para evitar o contacto físico e reducir a posibilidade de contaxio.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: