www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 5 de Agosto de 2020

Cal3 fai viral o seu reto fotográfico e suma máis de dúas mil imaxes do confinamento
Cultura • 14/04/2020
Autor: M. X. Queimaliños

A cooperativa Cal3 convidaba no inicio do estado de alarma a todos os usuarios de facebook e instagram a subir imaxes tomadas nos seus domicilios e compartilas a través das redes. Cada día propoñían un tema que era convertido en imaxe por centos de persoas. A idea tivo un éxito tal que, malia estar pensada para durar 15 días, prolongouse sete máis ata o pasado luns. Agora xa están pensando en novas propostas para animar o confinamento.


O reto fotográfico Queda na casa, nacía o pasado 17 de marzo, nada máis decretarse o estado de alarma. Unha actividade ideada dende Cal3 para "axudar a levar mellor estes días de confinamento e aproveitar para traballar a nosa creatividade". Unha proposta que incluía como aliciente a posibilidade de facerse con algún premio como un lote de revelado ou unha ampliación fotográfica. Con todo, enseguida se comprobou que o de menos era o premio.
"Dende a miña ventá" foi o primeiro dos temas propostos pero a ese seguíronlle outros moitos. Compartir, doce, alegría, textura, vintage...  e un tras outro foron logrando centos de seguidores que con moita imaxinación lograban dar resposta ao reto proposto, buscando na casa e ideando escenarios que lle acaeran ben ao título elixido nese día.


Non desbotan novas iniciativas, tendo en conta que aínda se descoñece cando poderemos saír á rúa, aínda que a súa última proposta foi un vídeo con imaxes recollidas días atrás onde podemos ver unha Redondela deserta que con responsabilidade queda na casa.


Sobre o futuro recoñecen estar preocupados "hai moita incerteza do que poida pasar cando regrese unha relativa normalidade, porque non sabemos se os clientes van estar aí". Recoñecen que a súa situación é especialmente difícil "estes meses son os de maior traballo nun negocio como é o da fotografía e o vídeo" pero insisten "retomaremos o noso traballo con todas as dificultades que se anuncian".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: