www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 4 de Xuño de 2020

Dúas carpas no Centro de Saúde de Arcade aumentan a seguridade de doentes e sanitarios
Sociedade • 14/04/2020

O Concello de Soutomaior acaba de ampliar a superficie útil do centro de saúde de Arcade coa instalación de dúas carpas supletorias anexas ás entradas do centro. A medida ten como obxectivo aumentar a seguridade dos usuarios do ambulatorio, xa que permite incrementar a distancia social entre eles, e tamén dos sanitarios, que poderán atender aos pacientes en espazos diferenciados.


A primeira das carpas está situada na entrada traseira do centro. Está habilitada para o acceso de vehículos e servirá para que os sanitarios poidan atender a veciños sen que se baixen dos seus turismos, facilitando así que poidan realizar o seu traballo máis protexidos e nun ambiente diferente ao do paciente. Ademais, suporá un aumento na velocidade de atención, o que tamén evitará aglomeracións. Do mesmo xeito, a segunda carpa está situada na entrada principal do ambulatorio e o seu obxectivo é a de servir como sala de espera supletoria para evitar que se concentre un número excesivo de usuarios dentro do centro de saúde nun espazo reducido. A instalación das carpas xorde da última reunión que o alcalde, Agustín Reguera, mantivo cos responsables do centro sanitario para coñecer a situación da atención sanitaria durante a pandemia. "É unha medida que tomamos para mellorar as condicións de seguridade dos pacientes, pero principalmente dos sanitarios, que son os máis expostos", sinala o rexedor local. As carpas permanecerán no centro de saúde mentres as autoridades sanitarias locais o estimen necesario, e "se é preciso ampliarase con novas carpas ou con todo o que nós lle poidamos proporcionar", asegura Reguera.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: