www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 8 de Agosto de 2020

Os centros educativos alertan das dificultades do alumnado para seguir o curso a distancia
Cultura • 7/04/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O director do IES Mendiño, José Antonio Martínez, explica que malia a implicación total por parte do profesorado así como por parte das familias, está a ser moi complicado que o alumnado siga o curso cunha relativa normalidade debido a falta de experiencia no seguimento telemático e tamén pola fenda dixital ao existiren alumnos que carecen de acceso a internet ou medios informáticos. Unha situación que afecta a todos os cursos pero que se complica principalmente no caso dos alumnos de 2º de Bacharelato, que este ano teñen que enfrontar as probas da Abau (antiga Selectividade).


Logo duns primeiros días de incerteza e falta de información ao decretarse a suspensión das clases o 13 de marzo, os centros educativos decatáronse da necesidade de seguir ofrecendo ao alumnado material para poder manter o ritmo de traballo dende as súas casas. Malia non existir ningún tipo de previsión nin planificación, todos fixeron o esforzo para que as clases continuaran botando man das novas tecnoloxías. Unha situación que se torna moi complexa ao tratarse dun sistema para o que os propios centros non están preparados, ao que se engade a falta de medios por parte dalgunhas familias.


De feito, no Mendiño decatáronse de que se ben a práctica totalidade do alumnado do instituto dispón de móbil, non todos teñen ordenador ou impresora na casa. Por ese motivo, dende o centro tentan ofrecer diferentes ferramentas para que os alumnos poidan seguir as rutinas de traballo dende a casa.


A día de hoxe, e a espera das novas directrices que vaia marcando a Consellería de Educación, os alumnos de ESO están a recibir material que lles serve apra repasar a materia xa dada nos meses anteriores. O obxectivo é que os alumnos non perdan o ritmo de traballo e evitar que se tomen este confinamento "como unhas vacacións". Cuestión diferentes son os alumnos de Bacharelato, sobre todo os de 2º, que este ano deben enfrontarse ás probas de acceso á universidade, convocada en Galicia para os días 7, 8 e 9 de xullo. Neste caso os mestres deben seguir dando a materia que se inclúe no programa de xeito telemático.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: