www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 10 de Agosto de 2020

O BM Chapela segue activo nas redes e estrea unha nova app para dispositivos móbiles
Deporte • 7/04/2020
Autor: Ana Prieto

Nestas semanas de confinamento forzoso o club de balonmán quere axudar aos xogadores e as súas familias a levar esta situación "da mellor maneira posible". Xa que non poden estar en contacto no pavillón Manuel González Soto, fano a través das redes. Retos, mensaxes de ánimo e entrevistas son algúns dos contidos que están a colgar en internet e que pronto estarán dispoñibles nunha nova aplicación para dispositivos móbiles.


Alba Silva Martínez, xogadora do equipo sénior feminino, é a encargada das redes sociais do club. Explica que a iniciativa xurdiu nos primeiros días de confinamento, logo de poñerse en contacto coas familias, para animar aos nenos e nenas de club e facerlles este encerro "máis levadeiro". Xa teñen posto en marcha varios retos virais, algúns máis doados e outros máis complexos. Todos se animan a participar, tanto os xogadores de diferentes categorías como a súas familias, e sempre con moi bo humor. Ademais dos retos, nas redes sociais do club tamén están a publicar entrevistas con xogadores e adestradores do club, que relatan como están a pasar estas semanas de corentena, e tamén aproveitan para lanzar mensaxes de ánimo ao resto da familia do BM Chapela. Mesmo se están a poñer en contacto con outros clubs de balonmán galegos, con entrevistas nas que os seus responsables contan como viven este crise sanitaria do coronavirus. Teucro ou Carballal son algúns dos que xa pasaron polas cámaras do BM Chapela. Todos estes videos está a publicalos club en Facebook, Instagram e Twitter. Tamén se actualiza a páxina web do club cos retos e entrevistas, e nos próximos días porán en funcionamento unha nova aplicación para teléfonos móbiles. Alba Silva explica que a próxima semana poderá descargarse da app store e todos os seguidores do club poderán ter no seu móbil as novidades do BM Chapela.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: