www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 8 de Agosto de 2020

A Anpa do Mendiño insta ao goberno a facilitar material educativo a todo o alumnado que o solicite
Sociedade • 6/04/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O anuncio da Concellería de Ensino encamiñado a facilitar ao alumnado de colexios e institutos de Redondela o acceso aos apuntes e deberes escolares, imprimindo e levando aos domicilios esta documentación, no convence a pais e nais do IES Mendiño. Dende esta ANPA entenden que a medida non debe restrinxirse a aqueles que carezan de ordenador ou conexión a rede e debe ampliarse tamén a aqueles que carezan de impresora.


Neste sentido a ANPA xa trasladou ao goberno local un inscrito no que solicitan que "se facilite a impresión e entrega domiciliaria do material educativo a todo o alumnado que así o solicite". Entenden que para que a medida sexa efectiva deberían dende o Concello facilitar un contacto as familias para que, todas as que así o precisasen, puidesen poñerse en contacto con eles para solicitar o material correspondente. Os traballadores municipais encargarianse de imprimilo e levarllo aos domicilios, garantindo así o confinamento ao tempo que o alumnado podería seguir estudando dende a casa.


Este sistema é o elixido no Concello de Soutomaior onde teñen en marcha un servizo gratuíto para imprimir as tarefas escolares. Deste xeito as persoas que necesiten do servizo teñen que enviar a documentación ao enderezo educación@soutomaior.com incluíndo os datos persoais do alumno para facer a entrega.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: