www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 8 de Agosto de 2020

Os maiores de 70 anos de Pazos que viven sós contan cun servizo especial de asistencia
Institucional • 6/04/2020
Autor: Lorena Otero

O acompañamento, a compra de alimentos ou medicamentos son algúns dos servizos que ofrece este programa que vén de pór en marcha o concello de Pazos de Borbén e que dá asistencia aos 135 veciños maiores de setenta anos que residen sós no municipio.


Paliar a soidade das persoas de máis idade do municipio e cubrir as necesidades básicas de alimentación e saúde durante o confinamento é o obxectivo deste servizo que funciona en Pazos de Borbén desde a pasada semana.


A técnica de Servizos Sociais e a concelleira Eloísa Nogueira están contactando con todos os veciños que superan os setenta anos e non viven con ninguén para coñecer a súa situación e poñer a súa disposición todo o que poidan necesitar para que non teñan que saír das súas vivendas mentres siga vixente o Estado de Alarma. Apoio psicolóxico e moral, o reparto de alimentos ou medicamentos son algúns dos servizos que se ofrecen.


Os beneficiarios deste servizo son os 135 veciños de setenta anos que segundo o rexistro oficial viven sen compoñía de ningunha persoa “o que fai que o confinamento sexa especialmente duro para eles", segundo explicaba a edil de Servizos Sociais.


Accións de asistencia que se suman ao sistema de reparto de alimentos que Pazos ten en marcha desde que se decretou o Estado de Alarma para atender aos sectores da poboación máis vulnerable e en risco de exclusión social.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: