www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 10 de Agosto de 2020

Un álbum de lembranzas recollerá os debuxos, imaxes e escritos dos redondeláns en corentena
Cultura • 1/04/2020

A Concellaría de Participación cidadá convida a veciñanza de Redondela a crear entre todos un álbum cheo de debuxos, fotografías, escritos ou calquera outro material creado nesta etapa de confinamento e que poida ser subido á páxina web do concello. Animan a enviar este material ao enderezo quefacerenredondela@redondela.gal co obxecto de que quede almacenado para poder ser revisado, nun futuro, cando a batalla contra o COVID forme parte do noso pasado.


As persoas que estean interesadas en participar, de calquera idade, deben enviar o seu debuxo, fotografía, escrito.. xunto co nome do autor á dirección de mail quefacerenredondela@redondela.gal


Todas as creacións subiranse, co nome das persoas propietarias, á páxina web do Concello de Redondela. Crearase deste xeito un álbum con toda esa información que xirará ao redor dun mesmo tema: o tempo que estivemos a facer o esforzo de cambiar as nosas rutinas e quedar na casa para vencer unha pandemia sanitaria.


A Concellaría de Participación cidadá pretende mediante esta iniciativa animar á veciñanza a realizar traballos artísticos cos que encher positivamente o seu tempo de confinamento, de creatividade, centrarse na idea de que este período de corentena, aínda que duro, é temporal, visualizar o sentido global e social que ten este esforzo e deixar unha pegada construída entre todos.


A partir de aí teremos a opción de visualizar, sempre que queiramos, este álbum de recordos de Redondela.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: